erasmusIN

EU flag-Erasmus+

O IES de Pobra do Caramiñal ten experiencia na participación en proxectos europeos, xa que dende hai dez anos está a desenvolver diferentes proxectos Comenius e agora Erasmus + de formación do profesorado, que resultaron ser enormemente motivadoras e xeradoras de experiencias de aprendizaxe e convivencia que alumnos e profesores valoran en todos os casos moi positivamente.

Alumnos, profesores e demais persoal de Educación Superior non participaron ata o momento neste tipo de proxectos de mobilidade, circunstancia que queremos modificar, e brindar a oportunidade a todos eles de se achegaren a outros sistemas educativos e produtivos e completar a súa formación nun mundo cada vez máis globalizado e que nos exixe unha actualización constante. Ímonos apoiar na acción de visitas preparatorias de tal xeito que se poidan coñecer algúns dos socios de forma directa, os países que se van elixir serán os próximos ao noso centro, aínda que non se descarta a participación noutros programas ou acordos que sexan interesantes e que se sitúen en países máis afastados.

Os grupos de alumnos aos que se lles vai dar preferencia son os de 2º curso de Dietética; ao se tratar de ciclos pequenos basicamente se tratará de mobilidade de estudantes para prácticas en empresas e organismos públicos e privados no sector da Sanidade. Dunha banda, o alumnado vai poder entrar en contacto con métodos innovadores de conservación, manipulación, transformación e promoción de produtos alimentarios e composición de dietas e menús tipo ou adaptados a colectivos concretos de poboación. Doutra banda, no ámbito sanitario poderán entrar en contacto con métodos de traballo e apoio noutros países da contorna: realizar actividades de elaboración de dietas terapéuticas, desenvolver programas de promoción da saúde e educación sanitaria alimentaria destinados a outros profesionais sanitarios, de servizos de restauración ou a grupos de poboación, participar na elaboración de mapas alimentarios e supervisar a calidade hixiénico-dietética dos alimentos, dende a perspectiva do país de acollida.

Na actualidade e ao estaren os mercados cada vez máis globalizados enténdese que os nosos alumnos deben, no só estar preparados para competir neles, senón para adquirir unha capacidade de adaptación que lles permita a flexibilización que se necesita no mercado laboral.

Para o persoal do centro tamén é importante avanzar na innovación para servir como correa de transmisión para que o alumnado reciba unha formación cada vez máis moderna e competitiva. Promoveranse a participación en programas de formación do persoal educativo KA1, e o contacto e intercambio con outros centros educativos, institucións e empresas, locais e estranxeiros.

O interese do noso centro é harmonizar a formación do noso alumnado e, xa que logo, do noso persoal en relación ás tecnoloxías emerxentes. A participación en programas Europeos vainos proporcionar unha mellora da calidade da ensinanza no noso centro, e a adquisición de ferramentas e habilidades que permitan que a nosa escola poida mellorar o resultado do traballo do profesorado e mais do alumnado. A nosa escola quere estar preparada ante os novos retos derivados dunha sociedade que cambia a gran velocidade, que fai necesaria unha constante actualización para non quedarmos desfasados tanto a nivel individual como a nivel centro educativo.

Contamos coa experiencia de estarmos participando en proxectos Europeos dende hai dez anos, actualmente levando a cabo un proxecto KA1(proxecto de mobilidade para persoal docente escolar), e solicitando un novo proxecto KA1 e un proxecto KA2 na presente convocatoria 2015. No futuro temos a intención incluír a solicitude de proxectos tanto das accións KA1 e KA2 que inclúan mobilidade de alumnado e profesorado participantes en Ciclos formativos de Grao Superior: mobilidade de estudantes de ciclo curto e mobilidade do persoal de institucións de Educación Superior.

Do mesmo xeito, vaise promover o establecemento de Asociacións estratéxicas de fomento da cooperación con socios clave como empresas, organismos ou institucións sanitarias ou de investigación.

Obxectivos:

  • A calidade da formación vaise ver sensiblemente mellorada grazas á mobiliade tanto do persoal como dos estudantes.

• O alumnado formado baixo o Programa Erasmus + van ver mellorada a súa capacidade para atopar traballo non só a nivel local, senón tamén internacional.

• Mellor aproveitamento do potencial das TIC.

• A participación no Programa vai producir un aumento da motivación de alumnado e profesorado.

• O establecemento de convenios con outros centros educativos e institucións ou empresas vainos permitir entrar en contacto con sistemas produtivos, de traballo ou investigación innovadores.

• Adaptación dos programas ás necesidades do mercado de traballo.

• A capacidade de innovación, creatividade e emprendemento vaise estimular co establecemento de novos convenios.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA